Sunday 19 de May de 2024

O Parque Nacional das Illas Atlánticas ofrecerá este ano unha nova oferta de produtos turísticos sustentables


A directora de Turismo de Galicia e a directora xeral de Conservación da Natureza inauguraron esta mañá unha xornada sobre a creación de produtos turísticos e turismo sustentable no Parque das Illas Atlánticas

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e a directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz López, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, inauguraron esta mañá a xornada Creación de produtos turísticos e turismo sostible no Parque Nacional Marítimo Terrestres Illas Atlánticas de Galicia que tivo lugar na cidade de Vigo.

Durante a xornada, dirixida a empresas turísticas, axencias de viaxe receptivas, xestores de turismo, grupos de acción costeira, técnicos do parque, técnicos de concellos e mancomunidades así como a persoal de equipamentos de uso público, deuse a coñecer o modelo de desenvolvemento turístico actual do Parque Nacional Illas Atlánticas, as súas implicacións ambientais e socioeconómicas. Así mesmo, expuxéronse as iniciativas de turismo sustentable en España e os casos de produtos turísticos de éxito tanto no Parque Nacional das Illas Atlánticas como doutros espazos protexidos.

O obxectivo do encontro era establecer unha estratexia de desenvolvemento e diferenciación de produtos turísticos sustentables a poñer en marcha no Parque Nacional e a súa área de influencia socioeconómica coa participación dos empresarios e actores implicados.

Durante a xornada, a directora de Turismo de Galicia explicou que 80% da superficie da nosa comunidade é verde e a rede galega de espazos naturais protexidos esténdese por preto de 400.000 hectáreas, o que representa máis do 12% da superficie total galega.

Segundo sinalou Nava Castro, Galicia acolle seis reservas da biosfera, onde se busca conciliar a diversidade biolóxica e cultural co desenvolvemento económico e social, e sete parques naturais que mostran a auténtica Galicia ao natural.

A responsable de Turismo da Xunta resaltou que grazas a estes recursos a natureza constitúe a primeira motivación pola que os turistas visitan a nosa comunidade e as paisaxes galegas son o aspecto máis valorado polos turistas que nos visitan.

Neste senso, Nava Castro destacou que o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas constitúe un gran atractivo turístico para Galicia por ser un dos parques nacionais máis singulares de España.

A directora de Turismo de Galicia fixo referencia a aposta da Xunta por crear diferentes produtos acorde co equilibrio entre a protección e o desenvolvemento social, económico e medioambiental destacando accións como o impulso do turismo mariñeiro, a posta en marcha dos cruceiros costeiros Os Tesouros das Rías de Galicia ou o desenvolvemento da ruta ornitolóxica, entre outras.

Pola súa parte, a directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz López, salientou que na oferta de turismo sostible en Galicia as illas do Parque Nacional das Illas Atlánticas teñen un lugar destacado.

Detallou que este ano se porán en marcha novas iniciativas, como rutas teatralizadas vinculadas aos sons da noite, navegación nocturna seguindo as técnicas dos antigos navegantes despois de ter recibido o certificado como destino Starlight, que acredita a calidade do seu ceo nocturno.

A directora destacou que para o Goberno galego é un obxectivo prioritario afondar na promoción e divulgación do Parque, na posta en marcha de novos servizos e en facer que todo isto sexa compatible coa sustentabilidade, tal e como figura na Carta Europea de Turismo Sostible (CETS).

Destino sustentable
Por outra parte, a responsable de Turismo da Xunta resaltou o compromiso da Xunta por traballar na protección, conservación e posta en valor dos recursos endóxenos galegos para evitar que perdan a súa esencia e valores de sustentabilidade ambiental e social.

Neste senso, Nava Castro afirmou que tanto a planificación do destino galego como a creación de produtos, a súa xestión e a promoción dos mesmos, se basean neste modelo sostible que se combina con outros elementos esenciais como son a calidade ou a innovación.

Segundo sinalou, así o reflicte o Plan integral de Turismo de Galicia que establece como un dos grandes retos para o turismo galego converter a Galicia nun modelo europeo de turismo sostible incluíndo actuacións concretas para o desenvolvemento do turismo sostible e abordando a sustentabilidade como un elemento transversal integrado en todas as políticas turísticas que se desenvolven no noso territorio.